Concertos tarde do domingo
23 de xullo 2023
Grupo La Patrulla
Domingo 23 | Ás 20:00 h | Praza do Cristos
La Patrulla é unha banda de pop-rock que fai un percorrido polos temas máis influentes da década dos 80, 90 e actuais. Ademais fan algunhas chiscadelas a temas clásicos máis antigos.
No verán de 2015 nace La Patrulla, froito do “boom” de actuacións nos diferentes locais de Baiona co afán de ir un paso máis aló no ámbito dos grupos de versións. Unha dos seus principais características é facer rememorar ao público as boas sensacións que viviron ao escoitar por primeira vez aquelas cancións a través dun bo son e unha posta en escena divertida.
Todos os compoñentes do grupo teñen unha ampla experiencia en directos con outras bandas, Los del barro, Doble Zero, Menage a trois, Illah, 21 Gramos… ademais chegaron a telonear a grupos da talla de Coti, Gran Wyoming, Henry Méndez, Seguridad Social, e Siniestro Total entre outros.
A Banda da Balbina
Domingo 23 | Ás 21:30 h | Praza Arq. Antonio Palacios
A Banda Dá Balbina nace nos Ánxeles (Brión) a finais do ano 2007. Alá polo maio do ano 2008 naceu a Estomballada. Esta canción alcanzou unha ampla difusión na radio e TVG, e noutras canles, formando parte tamén do repertorio dalgunha orquestra galega. Un ano máis tarde pariron O Fillo Do Mar, e con el chegou o primeiro premio da Radio Galega do programa Apologhit.
As súas creacións manteñen uns ritmos festeiros e unha ironía propia do país. Desde os seus inicios manteñen unha proposta que mestura ritmo e melodía que musicalidade do galego. En todos os traballos está moi presente a temática da muller como fío condutor de todas as historias, incorporando temas tan importantes como a muller no rural na «Estomballada», incluíndo estereotipos sociais como «Balbina a Bailadora» ou «A Conacheira». Atrevéndose mesmo a musicar a poesía do referente por excelencia da muller galega, Rosalía De Castro «Cantar Canté» ou tratando personaxes mítico-históricos como a bandoleira Pepa a Loba. Sempre tratando o papel feminino na sociedade galega con carácter distendido, insuflando un toque pícaro-humorístico e unha gran dose de ironía.