Civilización Gala
As orixes dos pobos galos son difíciles de datar porque na Galia non había unha unidade política nin territorial; máis ben estaba formada por diferentes tribos que coexistiron durante a Idade de Ferro e que desapareceron coa conquista romana.
Os habitantes das Galias, os galos, coñecían a existencia e o poder dos romanos e en xeral evitaban calquera contacto con eles. Eran agricultores e granxeiros que defendían firmemente aos seus campos e ao seu rei. Guerreiros temibles, pero sen afán de expansión.
Os seus sacerdotes recibían o nome de druídas. E o seu costume era fabricar e beber cervexa, o que os romanos nin entendían nin aprobaban, afeccionados como eran ao cultivo da viña. Altos e fornidos, louros ou pelirroxos e de ollos azuis ou grises, para os romanos, os galos eran bárbaros, pobos con costumes completamente diferentes. Pero tiñan unha civilización adiantada e un gran comercio establecido.
A Guerra das Galias comprendeu unha serie de oito campañas anuais, dende o 58 ata o 51 a.C., realizadas polas lexións romanas comandadas por Xulio César contra os pobos galos, e que permitiron á República Romana anexionar todo o territorio da Galia, e mesmo algunhas partes da Xermania.
No ano 58 a.C. Xulio César recibiu poderes para gobernar a Galia Transalpina, no actual sur de Francia, durante 5 anos; no canto de realizar un mandato rutineiro, iniciou esta guerra para conquistar a Galia Cabeluda. Tratábase dun territorio chairo, con grandes bosques e moitos recursos agrícolas por explotar; e os romanos sabían que as tribos celtas que a habitaban pelexábanse entre elas continuamente.
Xulio César alí dirixiuse coa escusa de que debía socorrer a unha tribo aliada de Roma, os eduos, que foran invadidos polos belgas. Con todo, unha vez alí, decidiu quedar coas suas seis lexións. Isto provocou a inquietude dos galos e o inicio das loitas cos romanos.
Vestimenta
Na Galia central vivían os galos (pertencentes ao basto pobo celta), que eran xente de pel e ollos claros e con longos cabelos, que acostumaban levalos soltos ou ben anoado en trenzas. Era común que se deixasen longo o bigote, nos xefes sinal de distinción, e barba.
Os homes vestían pantalóns, túnica curta con mangas, manta de lá, e no inverno capa de peles.
As mulleres lucían túnica longa e, como abrigo, unha manta cadrada de lá grosa fixada sobre o ombreiro cun broche. A túnica caía en suaves dobras axustada por un cinto colocado debaixo do peito.
En xeral vestían cores vistosas e esta característica, xunto coa barba e o pelo longo, eran proba da barbarie que este pobo representaba para os romanos.
Gustáballes usar alfaias -colares, brazaletes, diademas, peitorais, fibelas, etc.-, polo xeral de bronce, pero tamén de ouro. Sabían forxar moi ben os metais, como o proban, ademais das xoias, os cascos e as espadas dos guerreiros.
Os guerreiros galos utilizaban espada longa, un escudo oblongo de grandes dimensións, longas picas e unha especie de xavelina chamada madari. Cubríanse de ouro e adornábanse con torques.
Os sacerdotes vestían ampla túnica e capa de cor branca.
O calzado era sinxelo, de tipo mocasín ou sandalias que se ataba ao pé con correas. Tamén botas de coiro sen curtir.