Concerto: A Roda

A Roda

A Roda

Domingo XIV de xullo | Ás 20 h | Rúas da vila

O grupo “A Roda” é unha formación de música tradicional con 47 anos de traxectoria, un expoñente da música popular en Galicia, sen dúbida un dos grupos con máis historia, coñecido e louvado, case medio século de vida adicada á promover e difundir a cultura galega, o noso patrimonio inmaterial, a través da música de raíz.

Nace como formación no ano 1976 nunha taberna, logrando xa co primeiro disco, con título homónimo “A Roda”, o recoñecemento do público e o “Premio da Crítica Galega”. No seu haber conta con máis de 20 discos no mercado e multitude de premios, entre os que destacamos os recentes “Premio da Cultura Galega” e “Medalla Castelao”. A bagaxe da formación é tan longa como abrupta con numerosas viaxes e concertos na diáspora galega. Esta é unha formación que ó longo dos anos soubo reinventarse e ollar con éxito ós novos tempos.

A día de hoxe A Roda está composta por cinco músicos que traballan por espallar a cultura de carácter popular-oral, o cancioneiro que xa forma parte do imaxinario dos galegos e galegas.

“1000 primaveras máis na música galega”…

Hai quen di que se A Roda non nacera habería que inventala… O grupo A Roda nace como tal en 1977, pois xa houbo intentos anteriores, unha historia nunca contada… A Roda é un grupo de amigos, coñecidos, espontáneos, dun «eu pasaba por alí»… que se reunían a cantar arredor dunha mesa redonda, metonimia da roda, e metáfora do que anos atrás, moitos anos atrás inventou o Rei Artur e os seus cabaleiros.

Os irmáns Luis e Suso Vaamonde, Fito e Luis Domínguez, Xosé Luis e Pituco Abalde… ós que se uniron nomes como: Queno, Cabaleiro, Manolo, Ricardo Collazo, Alfonso Graña deron vida ó proxecto. Ese primeiro disco foi “Premio da Crítica Galega” e transformou a música galega para sempre.

Todos eles son historia, Adolfo Dominguez “Fito”, sería cos anos a imaxe dun grupo que aínda lembra con morriña esa voz que resoa coma un carballo, que lembra toda Galicia. Eles eran os cabaleiros da táboa redonda, da Roda, na xa mítica e coñecida portada do primeiro disco, ó carón dunha lareira no muíño de Caldas, unha foto que permanecerá por sempre na memoria, como na memoria perdurarán “A tasca da Viúva”, “A taberna do Eligio”… e moitas outras pola zona de Vigo.

A partir de aquí, dous novos discos, “Falemos Galego” (1979), coa inesquecible Foliada do Celta, e o terceiro disco “Pra os amigos”, así conclúe unha primeira etapa de éxito e bo facer.

Logo virían “Os Mariñeiros” (1990) “Eu teño un compadre” (1992); “A roda rodando” (1993); “Os quintos” (1995); “Lembranzas” (1995); “Na branca noite” (1996); “Onde Galicia é Portugal” (1998); “R.C. Celta-A Roda” (1999); “O son do camiño” (2004); “A Roda alalá adorA” (2006).

Moita xeografía galega no lombo e tamén moita Emigración. Xa dende un primeiro momento A Roda viaxou por moitos dos países onde había un galego: Venezuela, México, Panamá, Arxentina, Bélxica, Inglaterra, Alemania… en todos se escoitou unha cantiga do país.

Do mesmo xeito cómpre mencionar os múltiples premios, recibidos en todos estes anos, a “Huaca de Ouro” (Panamá), a “Vieira de Prata” (Orde da Vieira), “Premio á Traxectoria Profesional” (Luar).

Como punto de inflexión nesta andaina, podemos dicir que A Roda comezou a escribir as súas propias cancións, ofrecendo espazo á propia creatividade, composicións autógrafas, melodías exclusivamente instrumentais, musicacións de poemas…

A día de hoxe a Roda é un grupo profesional, que vén de celebrar os seus corenta e sete anos en activo, que soubo reinventarse. O último traballo do grupo “A Roda ao vivo”, gravado en directo no festival de Ortigueira, é un traballo fiel ó carácter popular da formación, pero tamén un disco que racha cos estereotipos, unha Roda con lamia… como a do carro galego.

Actualmente A Roda busca a conexión entre os novos sons e máis actuais, e o son co que empezou todo.

Un rodar constante, facendo rodeiras polos camiños deste País.